Wednesday 24 de April de 2024

A Xunta destinará 475.000€ a restaurar a vexetación de Ribeira, eliminar especies invasoras e retirar obstáculos ao longo de 31km do río Sor


— A intervención, que comezará sobre o terreo a mediados de maio, está enmarcada no proxecto Mil Ríos, cun orzamento global de 5 M€ procedentes de fondos europeos e que busca optimizar a resposta de 50 canles fluviais galegas ante o cambio climático

— Ángeles Vázquez avanza que está previsto executar outra actuación destinada á recuperación do bosque de ribeira no río Mera, ao seu paso por Ortigueira

A Xunta de Galicia investirá 475.000 euros no río Sor no marco dunha actuación de restauración ambiental para mellorar a vexetación de ribeira e eliminar especies exóticas invasoras, que prevé tamén a retirada dalgúns elementos obsoletos ao longo dun tramo de 31 quilómetros.

Acompañada polos alcaldes de Mañón e do Vicedo e pola directora xeral de Patrimonio Natural, a conselleira en funcións de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presentou esta mañá os detalles do proxecto desde a área recreativa de Ponte Segade, un dos puntos do río nos que se vai actuar.

Tras subliñar que se cumpre deste xeito o compromiso adquirido no seu día cos alcaldes da zona, Vázquez Mejuto explicou que os traballos comezarán sobre o terreo a mediados deste mes e que se enmarcan no proxecto Mil Ríos, unha iniciativa cun orzamento global de 5 millóns de euros procedentes dos fondos NextGenerationUE e coa que se busca mellorar 470 quilómetros de 50 cursos fluviais galegos para aumentar a súa resiliencia e capacidade de resposta ante o cambio climático.

Trátase, tal e como lembrou, dunha das actuacións máis ambiciosas que levará a cabo o seu departamento grazas ao financiamento europeo asignado a Galicia para iniciativas no eido da restauración e da conservación dos ecosistemas e da súa biodiversidade.

No caso concreto do río Sor, Ángeles Vázquez explicou que os traballos previstos consistirán, por unha banda, en recuperar a vexetación de ribeira mediante a retirada de especies exóticas invasoras —sobre todo acacia negra e xenxibre hawaiano—; e por outra, na eliminación de estruturas obsoletas e perigosas localizadas na canle, concretamente dous telesillas en desuso.

Estas actuacións levaranse a cabo ao longo de 31 quilómetros divididos en varios treitos e abranguerán unha superficie de 32,2 hectáreas pertencentes aos municipios do Vicedo e Ourol, en Lugo, e ao de Mañón, na Coruña, xa que o río Sor marca o límite de forma natural entre ambas provincias.

Así mesmo, Ángeles Váquez tamén avanzou que está previsto executar outra actuación na zona no marco do proxecto Mil Ríos. Será, concretamente, unha intervención destinada á recuperación da vexetación de ribeira con eliminación da planta invasora crocosmia crocosmiiflora nun tramo de 3,5 km do río Mera, ao seu paso por Ortigueira.

O orzamento destinado a estes traballos ascende a 153.761 euros polo que, en total, a Xunta investirá preto de 630.000 euros entre as dúas actuacións previstas nestes dous ríos da comarca de Ortegal.

O Sor, pertencente á vertente cantábrica, serve de fronteira natural entre as provincias da Coruña e Lugo. Tras 49 quilómetros de percorrido, polos que atravesa os municipios coruñeses das Pontes de García Rodríguez e Mañón, e os lucenses de Muras, Orol e O Vicedo, desemboca no mar, na ría do Barqueiro.

En canto ao río Mera, percorre 29 quilómetros, facendo medio fronteira entre os concellos das Somozas, As Pontes de García Rodríguez, Cerdido e Ortigueira, onde desemboca na ría, formando a enseada do mesmo nome.

Actuacións en cinco ríos na provincia da Coruña
A Xunta utilizará a primeira fase do proxecto Mil Ríos, que contará cun orzamento de 4 millóns de euros, para avanzar na recuperación, restauración e mellora da resiliencia de 17 canles fluviais de toda Galicia.

No caso concreto da provincia da Coruña, prevense actuacións en tramos seleccionados de cinco ríos —Sor, Mera, Mandeo, Tambre e a marxe coruñesa do Ulla—, que abranguerán un total de 69,1 hectáreas de terreo e 78,4 quilómetros de cursos fluviais ao seu paso por 11 municipios —Mañón, Ortigueira, Paderne, Coirós, Noia, Outes, Padrón, Teo, Vedra, Boqueixón e Touro—.